QUEN SOMOS?

Somos un grupo de aprendizaxe, reflexión e acción. Unímonos para traballar pola defensa dos dereitos laborais e a denuncia da súa vulneración. A nosa actuación ven atravesada pola perspectiva feminista, onde a vida se coloca no centro.

QUE FACEMOS?

Estudo e (re)definición e divulgación do concepto do traballo dende unha óptica feminista, a través da creación de espazos de reflexión en común.

Formación e auto – formación centrada nos eidos legal, laboral, económico, tecnolóxico, cultural, social, psicolóxico, grupal/traballo en grupo…dende unha óptica feminista.

Denuncia, visibilización e sensibilización sobre as discriminacións por razón de xénero, racialización, diversidade funcional, económicas, sociais, políticas … que se reproducen no traballo.

Denuncia, visibilización e sensibilización sobre as violencias machistas que se reproducen no traballo.

Creación e difusión de ferramentas de apoderamento feminista.

HISTORIA

Ao longo de 2018 un grupo de mulleres reunímonos e organizámonos coa idea de comezar a traballar arredor da defensa dos dereitos laborais dende unha perspectiva feminista.

En 2019 dámoslle forma legal ao proxecto, e nace así a Asociación de Estudos Laborais Feministas. Durante estes meses comezamos a traballar no deseño da estrutura organizativa e na creación de espazos de autoformación.

O 22 de xuño coordinamos o obradoiro sobre dereitos laborais “Surfando nas leis” no Ateneo Libertario Xosé Tarrío da Coruña.

En setembro de 2019 reunímonos nun obradoiro para traballar sobre a visión e o modelo organizativo, onde, por un lado, exploramos os nosos medos e soños e, por outro, a distribución das tarefas de traballo.

O sábado 30 de novembro, na Casa do Matadoiro en Compostela, organizamos o obradoiro “Traballo ou Vida: Tips para a planificación económica e a análise de resultados”.

Principios e valores

Feminismo*, responsabilidade compartida, autoformación para a autonomía, organización non xerarquizada, reflexión constructiva, eficacia, flexibidade, acción, compromiso, diversidade, coidados das individualidades e do común, respecto, recoñecemento do traballo, e dereito á diversión, deconstrucción activa dos estereotipos/papeles de xénero/masculinidades/feminidades…

*Feminismo: praticamos e defendemos o feminismo como un lugar de encontro e debate común que reocñece a súa propia diversidade e diferenzas internas, incluíndo o transfeminismo e o feminismo interseccional.

Como ser parte?

A Asociación de Estudos Laborais Feministas é fundamentalmente unha organización de socias/axentes participativas, polo que se espera que se participe regularmente e/ou gradualmente do espazo e das formacións, dacordo á dispoñibilidade, e que se coñezan os seus valores e principios e se divulguen.

Aquelas persoas que desexen apoiar ao proxecto pero non podan ou queiran ser socias, e portanto asumir o que implica, poden facelo a través da divulgación do mesmo e/ou a través de doacións.

Quen pode ser socia?

Poden ser parte da asociación as mulleres, as persoas non-binarias* e homes cisxénero* que compartan os principios, valores e obxectivos da asociación, e se comprometan cos acordos de traballo, trato e formación básica interna.

Co fin de seguir os nosos propios principios e valores priorizarase e promoverase a seguridade, representatividade e visibilidade na asociación das persoas mulleres, non-binarias, racializadas, con diversidade funcional, lgtbiq+ sobre outras identidades con maior presencia e valorización na sociedade atual.

Por modelo de funcionamento e incompatibilidade de prioridades e obxectivos non poden ser parte da asociación nen partidos políticos nen sindicatos. Con plataformas e outras asociacións poderanse establecer alianzas pero non poderán ser socias como coletivo de Aselafem. Aselafem tampouco será socia doutras asociacións.

*Defínense persoas non-binarias como aquelas que se sitúan fóra da polaridade masculino-feminino, non como algo intermedio, senón como identidades con realidade propia fóra das estruturas de xénero, traducíndose esta identidade na súa forma de nomearse, expresarse e vivir a cotidianidade.
*Defínense como homes cisxénero, aquelas persoas que se identifican e/ou expresan dacordo ao sexo-xénero masculino atribuído socialmente/no momento de nacimento.

Qué teño que facer agora?

Asiste algún evento, visita as nosas redes sociais e contáctanos en aselafem@gmail.com e te indicaremos o proceso para darte de alta como socia.

Se xa o tes claro podes cubrir a solicitude para ser socia no formulario que hai a continuación e poñerémonos en contacto contigo o antes posibel.

SOLICITUDE NOVA SOCIA