Durante o ano 2020 dende Aselafem realizáronse varios encontros para reflexionar e sobre situacións que nos atravesan cando traballamos para as administracións públicas.
Nestes espazos impulsamos a Campaña contra a Precariedade na Administración Pública.
Moitas das socias de Aselafem somos profesionais que traballamos como autónomas ou no marco de pequenas cooperativas ou empresas, e en gran medida facémolo para a administración pública. Nestes procesos atopamos trabas, obstáculos e situacións que rematan por ser moi precarias.
Os traballos tradicionalmente feminizados, que teñen que ver cos coidados e co social, representan un piar fundamental para a calidade da vida das persoas. A administración ten a obriga de dotar a comunidade de servizos públicos que garantan os dereitos sociais. E aí estamos moitas de nós, realizando traballos precarios para a administración, dotando de servizos básicos ás nosas vidas.
Non paramos de preguntarnos como os servizos que teñen que ver coa educación, a igualdade, a transformación social son os máis precarizados? Como nos someten a condicións que non compren os marcos legais dos nosos convenios? Como enfrontarnos a condicións e contratos que non garanten un traballo de calidade e que nos obrigan a autoexplotarnos? Como competir con grandes empresas que explotan a compañeiras do sector?
Este 2021 retomamos este proceso para aprender, reflexionar e construír xuntas novos camiños onde transitar cara a dignidade dos nosos traballos.

GUIÓN DE PREGUNTAS DE SAÍDA

Comezamos facéndonos preguntas e facéndollas a outras compañeiras e público en xeral que asistiu ás xuntanzas virtuais do 2020. Aqui tedes esas 7 cuestións iniciais que abriron todo un debate e compartir de emocións e experiencias que nos fixeron ver con claridade que este era un tema real e importante.

QUE PROBLEMAS IDENTIFICAMOS?

Durante as xuntanzas online foron saíndo moitas situación e experiencias que foi liberador poder compartir, e contrastar coas outras compañeiras. Faltan moitas voces, hai moitas dúbidas e desinformación, pero este foi o primeiro paso de toma de consciencia da nosa situación laboral e de que nós, especialmente en colectivo, temos a chave para mellorala.

QUE CAMIÑOS TOMAMOS?

Con todo este burbullo de información apareceu unha gran vontade de facer algunha cousa, era importante non ficar só na queixa, pero tamén dar pasos para mellorar a nosa situación, e facelo de forma coletiva. Creamos a proposta de acción seguinte:

MATERIALIZACIÓN DA CAMPAÑA

Nestes meses de fin de ano 2021 temos preparadas sesións formativas e de traballo para materializar a campaña e as nosas demandas cara ao 2022.

IGUALDADE NA CONTRATACIÓN PÚBLICA


VENRES 10 DECEMBRO 17:00 – 18:30 (ONLINE) 

Palestra formativa “Igualdade na contratación pública”

Descrición:

Neste espazo formativo achegarémonos á lei de contratación pública da man dunha experta. Coa súa axuda tentaremos de resolver cuestións como… Que novidades trae esta nova lei? En que medida nos afecta como autónomas e pequenas empresas ou cooperativas? Como aplicar clausulas responsables e de igualdade na contratación? Como ler uns pregos de contratación e non morrer no intento…?

Formadoras:

Ana María Iglesias Gato: economista, funcionaria de habilitación nacional e interventora na administración local.

A actividade será virtual, a través da plataforma ZOOM.

SÁBADO 11 DECEMBRO 10:15 – 11:30 (PRESENCIAL)

Palestra prática “Debates e Experiencias”

Descrición:

Compartiremos casos prácticos de iniciativas e experiencias, que como Aselafem, tamén dan pasos para identificar os problemas e crear alternativas para mellorar as condicións vitais e laborais de sectores feminizados e a súa relación coa administración pública.

Formadoras:

Aselafem e Silvia Penide en nome do proxecto Elas Son Artistas

Lugar:

Centro Ágora da Coruña: Rúa Lugar da Gramela, 17, Agra do Orzán (A Coruña)

 

SÁBADO 11 DECEMBRO 11:30-13:30 (PRESENCIAL)

Mesa de traballo “Cre-acción contra a precariedade”

Descrición:

Elaboraremos en colectivo un documento de conclusións e propostas de mellora de condicións laborais para o sector de traballadoras no social, igualdade, e educación non-formal, co obxectivo de divulgar publicamente durante o ano 2022.

Formadoras:

Aselafem – Asociación de Estudos Laborais Feministas

Lugar:

Centro Ágora da Coruña: Rúa Lugar da Gramela, 17, Agra do Orzán (A Coruña)

Preme no botón amarelo para acceder ao formulario de inscrición de todas as actividades da campaña. Para participar nesta mesa de traballo presencial tes de límite até o 10 de decembro inclusive (hai límite de prazas).

Descarga aquí o cartaz con todas as actividades da campaña para axudarnos coa difusión.

Podes obter máis información sobre a campaña premendo aquí.

INSCRICIÓNS AQUÍ ENTRAR ÁS PALESTRAS (con inscrición)
Se queres manterte informada e ser parte xa do grupo da campaña só tes que enviarnos email a aselafem@gmail.com ou seguirnos nas nosas redes sociais en facebook e instagram.
Esperámoste!