QUE É?
O Espazo de encontro é unha proposta de intercambio, sensibilización, visibilización e formación feminista en materia de dereitos laborais, empoderamento económico e tecnolóxico e economía feminista. Desde ASELAFEM, queremos ofrecer e desenvolver un programa integral en formato mixto (virtual e presencial) que atenda a diferentes liñas formativas de interese na denuncia e visibilización das desigualdades de xénero e das violencias machistas que se reproducen nos ámbitos laboral, profesional, organizacional e privado. Así mesmo, elaboraremos unha publicación sobre economía feminista e difundiremos os procesos e resultados que se vaian construíndo colectivamente desde o encontro.
OBXECTIVOS
- Crear lazos de unión e de axuda mutua entre mulleres.
- Formar en materia de dereitos laborais, fiscalidade, empoderamento económico e tecnolóxico.
- Concienciar sobre a influencia do xénero nas desigualdades e sobre a importancia de poñer en práctica unha economía feminista.
QUEN PODE PARTICIPAR?
Este Espazo de Encontro está ideado para as diversas identidades de mulleres e persoas non binarias, en colectividade ou a nivel individual, e todas aquelas persoas en xeral interesadas na aprendizaxe conxunta do ámbito laboral feminista.
INSCRICIÓN
Para inscribirte nunha ou varias accións formativas, bota un ollo á lapela “PROGRAMACIÓN 2021” e cubre o formulario de inscrición específico.
HISTORIA
O sistema patriarcal e capitalista funciona en base a dinámicas económicas, sociais e culturais que seguen a transmitir a construción social de xénero que crean as características da masculinidade e da feminidade. O xénero como categoría social goza dun carácter estrutural e transversal e, polo tanto, impregna o conxunto da nosa sociedade, alimentando desigualdades e violencias machistas. Se poñemos o foco de atención no traballo, observamos como a día de hoxe segue a reproducirse a división sexual do traballo. A esfera privada, os coidados e os traballos do fogar seguen a ser desenvolvidos maioritariamente polas mulleres, non estando posicionados no centro da axenda pública nin sendo recoñecidos, visibilizados e remunerados.
En base á identificación destas necesidades, buscamos continuar coa boa experiencia das Feiras de Proxectos de Vida Feminista “Laborando” e “Laborando 2”, realizadas en 2016 e 2020 respectivamente, onde se deu visibilidade a decenas de expositoras e se desenvolveron numerosos e diversos obradoiros de balde, constituíndose ambas as dúas edicións na maior feira de proxectos da Galiza desde unha perspectiva feminista, de igualdade de xénero e contra as violencias machistas, e dando visibilidade e buscando enfrontar un tipo de violencia a miúdo invisible: a económica.
A semente destes proxectos impulsados desde ASELAFEM xorde inspirada na Feira de Projetos de Vida, que xunto con outras actividades de debate e autoformación, foron parte do IV Encontro de Feministas Autónomas “Contra as Violências Machistas, Iniciativas Feministas”, realizada no barrio de Teis, en Vigo, o 20 de febreiro de 2016. As compañeiras decidiran que a acción creadora era unha das ferramentas máis poderosas que tiñamos as mulleres para acabar co sistema patriarcal opresor. Neste marco organizouse unha feira na que mostrar os proxectos activistas e profesionais das asistentes ao encontro, resultando nunha das actividades máis valoradas do mesmo.