• Categoría de la entrada:ATIVIDADE
  • Tiempo de lectura:4 minuto(s) de lectura
Laborando 2

Espazo de encontro, sensibilización, visibilización e formación.
Feira Virtual do 15 ao 30 de novembro de 2020.

As socias de Aselafem (Asociación de Estudos Laborais Feministas) estamos moi contentas de poder dar continuidade a un proxecto iniciado hai 4 anos polo coletivo Experiencias Feministas da Pardo Bazán, que tivo forma presencial no mercado de San Agustín, na Coruña.

Podedes ver máis información no seu blogue https://experienciasfeministas.wordpress.com/

Para muitas das que formamos parte de Aselafem e que participamos ben como feirantas ou como organizadoras, foi un evento con grande impacto en termos de visibilizar e criar rede de proxectos feministas e liderados de mulleres, como non houbo outro antes.
Agora temos a oportunidade de continuar co legado das compañeiras de Experiencias Feministas da Pardo Bazán, e gostaríamos muito de que vós fixérades parte del.

EN QUE CONSISTE LABORANDO 2?

Trátase dunha iniciativa que pretende crear espazos virtuais de encontro, intercambio e formación entre mulleres. O que buscamos é crear dinámicas de reflexión que se baseen na economía feminista, en tanto posicionen a vida no centro.
Laborando é por unha banda, un espazo expositivo de proxectos profesionais, laborais, culturais, artísticos, organizativos e de vida feministas. E por outra, a creación de redes de colaboración e axuda mutua entre as mulleres que lideran estes proxectos.

OBXECTIVOS:
Creación dun foro feminista que derive na creación dunha rede de sororidade e de axuda mútua.
Visibilizar a presenza e o papel das mulleres en todos os ámbito e esferas da vida.
Poñer en valor e dignificar as experiencias das mulleres.
Por causa das restriccións de mobilidade e ocupación do espazo público actuais, a feira neste ano será totalmente virtual.
Constará dunha web para conter toda a información das participantes, da feira e dos eventos que serán realizados, e se disponibilizará da plataforma de videoconferencia Zoom, para o desenvolvemento dos obradoiros, palestra e foros de debate.

ESPAZOS DE PARTICIPACIÓN:

CATÁLOGO FEIRANTAS. Constará dunha web cun espazo específico para presentar ás feirantas, ás que tamén se lles dará divulgación nas redes sociais.

EVENTOS. Realizaranse obradoiros, palestras e cafés de debate, a través da plataforma Zoom, propostos polas feirantas, tanto a nivel individual ou de proxecto, como de forma grupal, entre varios proxectos.

SEMENTEIRA. Espazo específico para a presentación de proxectos en desenvolvemento ou a piques de nacer.

ESPAZO ASOCIACIÓNS. Visibilización e divulgación do movimento asociativo feminista, ou doutras correntes mas que inclúa a perspectiva de xénero no seu ideario e acción.

PATROCINIO. Posibilidade de colaborar co financiamento da feira. Información sobre as patrocinadoras aparecerá nos diferentes espazos virtuais durante a feira.

QUEN PODE PARTICIPAR?

VISITANTES:
Acceso libre á plataforma web con información das feirantas e os seus proxectos, sobre a feira e a programación de obradoiros, palestras e outras actividades organizadas por Aselafem e as participantes na feira.
A asistencia aos eventos organizados durante a feira, que serán online, será de acceso libre previa inscripción, e con límite de prazas dacordo ao criterio das organizadoras., sobre

FEIRANTAS:
As feirantas poderán participar no catálogo, os seus proxectos serán divulgados nas redes sociais, e poderán propor eventos como parte do programa da feira.
Asociacións e coletivos ativistas poderán participar no espazo asignado na web e tamén poderán facer propostas para actividades do programa da feira.
Institucións públicas ou privadas, e fundacións non poderán participar como feirantas, pois desta vez queremos priorizar a visibilización de proxectos con menor posibilidade de proxección.
Porén poderán participar como convidadas en eventos organizados polas feirantes e/ou como patrocinadoras da feira.