QUE É?
Trátase dunha iniciativa que pretende crear espazos virtuais de encontro, intercambio e formación entre mulleres. O que buscamos é crear dinámicas de reflexión que se baseen na economía feminista, en tanto posicionen a vida no centro.
Laborando é por unha banda, un espazo expositivo de proxectos profesionais, laborais, culturais, artísticos, organizativos e de vida feministas. E por outra, a creación de redes de colaboración e axuda mutua entre as mulleres que lideran estes proxectos.
OBXECTIVOS
- Creación dun foro feminista que derive na creación dunha rede de sororidade e de axuda mutua.
- Visibilizar a presenza e o papel das mulleres en todos os ámbito esferas da vida.
- Poñer en valor e dignificar as experiencias das mulleres.
QUEN PODE PARTICIPAR?
Mulleres con proxectos organizativos, laborais, profesionais ou de vida que teñen en conta a perspectiva feminista.
INSCRICIÓN
Para inscribirvos sería necesario cubrir este formulario:
HISTORIA
A primeira edición de Laborando, Feira de Proxectos de Vida Feministas que, con máis de 60 expositoras e máis dunha decena de obradoiros de balde, foi a maior feira de proxectos da perspectiva feminista, de igualdade de xénero e contra as violencias machistas da Galiza. O obxectivo principal foi, co gallo do 25N, Día Internacional contra as violencias machistas, enfrontar un tipo de violencia a miúdo invisible: a económica.
O evento, organizado polo coletivo Experiencias Feministas da Pardo Bazán, tivo lugar o 26 de novembro de 2016 no Mercado de San Agustín, na Coruña. e foi dinamizado cun programa contínuo de exposición de proxectos, obradoiros, espazo literario, galería de artístas ou proxeccións.
+ información https://experienciasfeministas.wordpress.com/ ou https://vimeo.com/204673666
Porén, esta iniciativa xurdiu inspirada na Feira de Projetos de Vida, que xunto con outras atividades de debate e autoformación, foron parte do IV Encontro de Feministas Autónomas “Contra as Violências Machistas, Iniciativas Feministas”, realizada no barrio de Teis, en Vigo, o 20 de febreiro de 2016.
As compañeiras decidiran que a acción creadora era unha das ferramentas máis poderosas que tiñamos as mulleres para acabar co sistema patriarcal opresor. Neste marco organizouse unha feira na que mostrar os proxectos ativistas e profesionais das asistentes ao encontro, restultando nunha das atividades máis valoradas do mesmo.
Tanto o encontro como a feira foron totalmente autoxestionados. As conclusións xurdidas do mesmo poden ser consultadas no blogue do encontro.
+ información http://feministasautonomasgaliza.blogspot.com/
Nunha cadea de feminismo solidario e xeneroso, recollendo as sementes que imos sementando unhas e outras, chega esta idea a Aselafem (Asociación de Estudos Laborais Feministas), que lle dá unha nova vida no Laborando 2. Feira de proxectos de vida feminista, de formato virtual que terá lugar do 15 ao 30 de novembro de 2020.