• Categoría da entrada:ATIVIDADE
Neste momento estás a ver PRESENTACIÓN do LIBRO “RECEITAS DE VIDA” e INAUGURACIÓN DE EXPOSICIÓN

ASELAFAEM – Estudos Laborais Feministas presenta “Receitas de vida. Economía feminista”. Unha publicación elaborada de forma colectiva a través de diversas voces que brotan das experiencias en primeira persoa de mulleres que lideran proxectos de vida, laborais, artísticos e culturais feministas (50pés consultoras, Arabías, Atalaia Social, Diana Fajardo Fotografía, Étikas, Ffotoeduca, Resistencia en Terra Allea, Rexenerando ou o tallerdepolo) e ilustracións de collage que se elaboraron en diferentes grupos de traballo durante o verán e outono de 2021 no tallerdepolo, na Coruña.

Marta R. Boo, de Aselafem, adaptou as voces dos relatos para crear un fío condutor que nos transporta a un mundo futuro onde unha muller, que pode ser calquera de nós, lle conta á súa neta como soñamos neste presente cun mundo máis xusto dominado por prácticas de economía feminista.

O sábado 30 de abril ás 19:00 h presentaremos esta publicación e inauguraremos a exposición de ilustracións de colaxe no Laboratorio Escénico Coop na Rúa Santa Luisa de Marillac, 12, 15002 A Coruña.

Esta publicación xurdiu no marco do Espazo de Encontro 2021, un compendio de actividades formativas que se desenvolveu o pasado outono e se centrou en afondar na visibilización e na denuncia das desigualdades e violencias que o sistema heteropatrialcal continúa a perpetuar no privado, mais tamén no ámbito laboral e profesional. A publicación, como as restantes actividades formativas, foron financiadas pola Deputación da Coruña e do Concello da Coruña, e grazas ao apoio de AIS O Peto.