ASELAFAEM – Estudos Laborais Feministas presenta “Receitas de vida. Economía feminista”. Unha publicación elaborada de forma colectiva a través de diversas voces que brotan das experiencias en primeira persoa de mulleres que lideran proxectos de vida, laborais, artísticos e culturais feministas (50pés consultoras, Arabías, Atalaia Social, Diana Fajardo Fotografía, Étikas, Ffotoeduca, Resistencia en Terra Allea, Rexenerando ou o tallerdepolo) e ilustracións de collage que se elaboraron en diferentes grupos de traballo durante o verán e outono de 2021 no tallerdepolo, na Coruña.
Marta R. Boo, de Aselafem, adaptou as voces dos relatos para crear un fío condutor que nos transporta a un mundo futuro onde unha muller, que pode ser calquera de nós, lle conta á súa neta como soñamos neste presente cun mundo máis xusto dominado por prácticas de economía feminista.
O domingo 6 de novembro de 2022 terán lugar dúas actividades no concello de Ponteceso que son de balde e de libre acceso para persoas feministas:
- 12:30 _ presentaremos esta publicación e teremos en exposición as ilustracións da colaxe colectiva no Museo de Arte Contemporáneo Costa da Morte (MACMO), na rúa Real, número 14, Corme-Porto
- 18:30 _ coa publicación Receitas de vida. Economía feminista como fío condutor, teremos espazo, tempo e comadreo para charlar e debater de xeito informal sobre como afrontamos o noso día a día laboral e profesional. Será no bar A Eira, na avenida Eduardo Pondal, 50, Ponteceso
Faremos entrega dun exemplar da publicación a aquelas persoas presentes nos eventos.
Esta publicación xurdiu no marco do Espazo de Encontro 2021, un compendio de actividades formativas que se desenvolveu o pasado outono e se centrou en afondar na visibilización e na denuncia das desigualdades e violencias que o sistema heteropatriarcal continúa a perpetuar no privado, mais tamén no ámbito laboral e profesional. A publicación, como as restantes actividades formativas, foron financiadas pola Deputación da Coruña e o Concello da Coruña, e grazas ao apoio de AIS O Peto.